Tuesday 07 de May de 2024

O PXOM de Cambre: unha fantasía para recoller votos nas próximas eleccións


Xogar cos veciños prometéndolles riquezas é o que fai o goberno municipal de Cambre coa aprobación inicial do Plan Xeral, que é unha simple luz verde do Concello que agora teñen que aprobar a Xunta e outras administracións, sen as que non será unha realidade.

Entre os datos do borrador que aprobou o pleno hai unha alarmante calificación das bolsas de solo do Graxal e o Temple, nas que se permitirá a especulación intensiva, sen dotar a eses lugares, que son os núcleos máis poboados, dos equipamentos culturais, deportivos e verdes que necesitaría un hábitat de calidade.

O presidente da Alternativa, Ángel García Seoane, referiuse así a este proceso: “O alcalde utilizou xa hai catro anos aos veciños, percorrendo as parroquias falándolles de recalificacións para declarar as fincas urbanas e prometéndolles aprobar o plan nesta lexislatura”. Unha aprobación que non está conseguida con este borrador inicial, xa que para que se aprobe o documento debe estar refrendado polo resto das administracións competentes.

Ademais, é sabido que este borrador non cumpre as normativas necesarias para ser aprobado pola Xunta, segundo os informes técnicos aos que o alcalde non fixo caso.

Con todo, a consulta en liña do documento presenta moitas deficiencias técnicas, de tal xeito que as persoas interesadas non poden informarse claramente sobre a realidade das súas propiedades ou intereses, debido a que os planos están dispostos en escalas 1/50.000, cando o lóxico sería que estivesen en 1/1.000 para ter unha definición máis apropiada para a consulta.

Unha vez exposto este avance, que non é a aprobación do plan, deberán analizar as alegacións propostas polas persoas interesadas e redactar un novo documento que terá que ter a aprobación de diversos organismos para chegar a ser unha realidade, polo que antes doutros 4 anos, Cambre non poderá ter aprobado o seu Plan.

Raúl Varela e Sandra Sánchez, concelleiros de Alternativa en Cambre, deixaron clara a postura do partido durante as súas intervencións no pleno da pasada semana.